Galiza é a nosa nazón. Unha nazón eivada porque non foi quen, ata o de agora, de construír as estruturas nacionais que posibilitasen o exercizo da súa soberanía e a a coordinación das forzas que ten de seu para garantir o desenvolvemento solidario ao que aspiramos.


Ábrense tempos históricos, tempos nos que se fará fronte aos desafíos futuros desde novas estruturas políticas. Galiza non pode perder o paso. Ten que ir construíndo con decisión e intelixencia os instrumentos que permitan dar forma ás súas demandas sociais, culturais e políticas.


É por iso que é tempo para a xenerosidade e o compromiso das forzas políticas e sociais que teñen necesariamente que acompañar o salto desde a situación actual á calquera que se xere no futuro.


Demandamos un amplo compromiso desas forzas sociais e políticas. Un compromiso que, ao redor dun programa político mínimo, cun amplo contido social e de reparación dos males que durante os tempos de crise se difundiron coas políticas desenvoltas en favor dos poucos, ofrezan á nosa nazón unha perspectiva de autoconstrución política. Dito doutro xeito, e apuntando ao vindeiro proceso electoral, un compromiso que dea viabilidade á constitución dun grupo parlamentario de obediencia exclusivamente galega no parlamento do Reino de España.


Cidadanía, como recoñecemento de dereitos ineludibles para vivir en liberdade, república como chave para configurar un espazo de liberdades públicas nos que exercer a cidadanía, e soberanía coa que planificar as nosas aspiracións solidarias e deseñar e proxectar o noso lugar no mundo. Estes son os tres elementos que, xunto coa vontade de configurar un grupo parlamentario galego, demandamos dos axentes políticos galegos dispostos a non deixar pasar as ocasións que para a construción nacional galega se presenten no futuro máis inmediato.


É tempo para que abrollen mil manifestos de cidadáns, galegos de nazón, comprometidos coa construción nacional de Galicia. Este só é un deles. Mediante el non só reclamamos, tamén manifestamos o noso compromiso de empeñar as nosas forzas, todas as forzas que teñamos, na conquista dos principios enunciados. É a nosa vontade. É o noso compromiso. Galiza é a nosa nazón.





Ferrol, 23 de xullo de 2015



Presentación na Galería Sargadelos de Ferrol, 23 de xullo de 2015